EDUCAR É ENSINAR A VIVIR


EDUCAR É ENSINAR A VIVIR (FBN),
FACÉMOLO DESDE FAI 75 ANOS E NA CIDADE DO SACRAMENTO DESDE FAI 70

FUNDADORES DOS COLEXIOS DIVINO MAESTRO

Os fundadores da Congregación de Misioneiras do Divino Maestro foron: Francisco Blanco Nájera e Soledad Rodríguez Pérez.
Francisco Blanco Nájera (Pachico)
Nace en Logroño o 24 de maio de 1889. Foi un neno alegre, trasno e con grandes dotes para a música.
Con 13 anos ingresa no seminario, sendo ordenado sacerdote un 20 de decembro de 1927.
Francisco foi un home coherente na súa vida, tiña un amor especial polos máis pobres e o seu desexo era axudar para que neles a semente do Evanxeo medrara e dera froito abundante. Morre un 15 de xaneiro de 1952.

Soledad Rodríguez Pérez (Solita)
Nace en Zamora el día 1 de febreiro de 1904. Medra ao calor do amor de seus pais Manuel e Paula. Soledad é unha nena sinxela, estudosa, alegre, creativa… aos 16 anos sente o desexo de ser relixiosa e non dubida en dar este paso, ingresando nas RR. Escolapias. As súas clases eran unha delicia. Buscaba e poñía a disposición das alumnas novos métodos e recursos pedagóxicos que influían positivamente no seu desenvolvemento integral, as súas portas estaban abertas porque ela albiscaba, que entre todos era máis doado o labor educativo. Estaba namorada da súa vocación e profesión.

En 1941 Madre Soledad coñece a Francisco en Santa Victoria (Córdoba). Soledad pertencía daquela ás R.R. Escolapias, e nunha das visitas que Francisco fai á comunidade como deán da catedral intercambian as súas inquedanzas comúns con respecto á educación das nenas de familias humildes e algo máis tarde proponlle: Padre por que non facemos unha fundación para nenas pobres? O 12 de novembro de 1 944, o Dr. Blanco Nájera é consagrado Bispo da Diocese de Ourense. Circunstancia imprevista, pero providencial, adianta o comezo da nova Obra. O 7 de decembro de 1944 sae da congregación das Escolapias Madre Soledad, xunto con outras compañeiras, e nace coa axuda de Francisco Blanco Nájera unha nova Congregación, que ten como ideal “levar a luz da verdade e o lume do seu amor á mente e ao corazón de todos os homes” a través da educación. 
O 10 de marzo de 1945 inaugúrase o primeiro colexio da congregación de  RR.M.D.M. en Baza (Granada), de aí vén a nosa celebración nesta data.
Na súa orixe, os Colexios “DIVINO MAESTRO” nacen como colexios públicos. Os fundadores tiñan un interese especial en que a ensinanza fose completamente gratuíta. D. Francisco informouse debidamente no MINISTERIO DE EDUCACIÓN e atopou a solución: os Padroados, colexios públicos de réxime especial nos que as maestras tiñan que ser funcionarias e   propostas  pola Entidade á Autoridade Educativa Competente. Na súa orixe foron concibidos como colexios de nenas e de feito seguiron séndoo ata o curso 1 987-88.
Ao longo destes anos os colexios Divino Maestro de España pasaron por unha serie de transformacións. O curso 1997-98 foi o último curso como colexios públicos.

O curso 1998-99 estréanse como colexios concertados, o que dá lugar a que nos nosos centros houbera profesores funcionarios (os definitivos que quixeron continuar) e os que foron contratados de novo.
No momento actual, a Institución pretende recrear a experiencia carismática orixinal e, a partir dela, responder de maneira significativa aos retos do novo milenio, compartindo cos segrares o carisma fundacional. A Misión compartida é un modo privilexiado de recrear hoxe o noso Carisma e ver como se vai enriquecendo ao compartilo cos laicos.
FUNDACIÓN DA CASA DE LUGO
O 1 de setembro de 1949 chegan a Lugo as primeiras irmás, o edificio estaba situado no nº 9 da rúa Monforte, eran unhas casiñas alugadas, e alí estarán ata que se construíra o edificio actual, que se inaugurou en 1967.
Estaban situadas ao norte  da cidade no barrio de Paradai de Abaixo. Eran unhas casas moi pequenas, de so unha planta onde tiñan as seis clases e vivían as irmás nun espazo mínimo. Tiñan un pequeno xardín ao entrar e catro pequenas portas –pois eran catro casas pegadas- con catro ou cinco chanzos de pedra que daban acceso ao inmoble. Por dentro comunicábase todo. No baixo da casa había a un lado unha carboeira e ao outro lado, separado por un pequeno muro, unha serraría de madeira. A mediodía unha parte das clases transformábanse en comedor e vertedoiro e nas outras a maioría dos fins de semana eran salón de actos con escenario para representar pequenas obras de teatro feitas por nenas e mozas que asistían ao Centro.
En canto as nenas remataban as súas clases, eses locais, coma todos os da congregación, enchíanse de mozas obreiras para poder recibir formación cultural e relixiosa.
Desa etapa,  na rúa Monforte, contactamos con varias ex-alumnas, que nos fixeron chegar esta parte gráfica e que lembran aínda hoxe o seu paso polo cole con moito agarimo. Tamén coñecemos outra persoa que está a piques de cumprir 97 anos e que é testemuña de excepción da formación cultural e relixiosa.
INAUGURACIÓN DO EDIFICIO ACTUAL
 En 1967 ten lugar a inauguración do novo edificio do Colexio Divino Maestro en Lugo, situado ao oeste da cidade, no barrio das Casas Sindicais, que inicialmente se denominaría segunda calle de Domingo Tallo nº 34, e que máis tarde foi coñecida como rúa Portugal.
O Centro está situado nun barrio duns 18000 habitantes procedentes a maior parte de zonas rurais da provincia. O nivel socioeconómico dos nosos alumnos é medio-baixo. No seu comezo o novo colexio prestaba tamén servizo de comedor.
Foron moitas as xeracións de alumnas inicialmente e alumnos/as desde fai 32 anos, que pasaron polas aulas do colexio Divino Maestro de Lugo, tendo a maioría unha excelente lembranza do cole e do profesorado. Podemos atopalos hoxe, sendo moitos deles grandes profesionais no campo do ensino, da sanidade,  do xornalismo, dos servizos...Tamén é habitual ver polo noso cole aos exalumnos que nos visitan para contarnos as súas experiencias  despois de deixalo, seguen considerándoo coma a súa segunda casa ...Tamén nos resulta moi grato abrirlles as nosas portas aos/ás exalumnos/as que veñen ao cole para solicitar praza para os seus fillos, sendo tamén algúns deles os que se comprometen a colaborar na ANPA.
A presenza das RR. Misioneiras do Divino Maestro na Cidade do Sacramento cumpriu os 70 anos o 1 de setembro de 2019, pero a nivel institucional da Congregación o 10 de marzo de 1945  lembramos a apertura dese primeiro colexio en Baza, por iso hoxe dicimos coa Congregación de Misioneiras e Cooperadores Segrares do Divino Maestro, que celebra o 75 Aniversario do seu nacemento, “O Señor estivo grande connosco  e estamos alegres” (Salmo 125).

CARACTERÍSTICAS DO CENTRO
O colexio Divino Maestro de Lugo  é un Centro católico concertado ten unha única liña, que atende as necesidades de arredor de 330 alumnos de E.I, E.P e ESO. Conta cunha longa tradición na zona e unha boa imaxe que se traduce en numeroso    alumnado e moita demanda de prazas en Educación Infantil. A gran maioría do alumnado procede do entorno do Colexio.
A maioría do profesorado é segrar así como o Equipo Directivo e todos eles participan do Carisma fundacional: “Construír unha comunidade educativa que evanxelice desde o compromiso da fe, tomando como referencia os valores e o exemplo dos nosos fundadores, facendo presente no noso quefacer diario a mensaxe de Xesús Divino Maestro”.

“O NENO É O CENTRO DA EDUCACIÓN” 
F. B.N.

LIÑAS DE ACCIÓN EDUCATIVA
Desenvolvemento dos talentos a través de proxectos de innovación e metodoloxías activas como a aprendizaxe cooperativa, intelixencias múltiples, plurilingüismo... para ofrecer unha educación de calidade nun proxecto educativo con máis de 70 anos de historia na nosa cidade.

01 EDUCACIÓN EN PASTORAL
Unha educación en pastoral inspirada nos valores evanxélicos axustada ás novas demandas sociais e educativas actuais. Cun profesorado comprometido e moi activo no desenvolvemento do noso ideario.


02 INNOVACIÓN PARA A MELLORA DA CALIDADE EDUCATIVA
Metodoloxía activa e inclusiva.
Intelixencias múltiples.
Rutinas de pensamento.
Traballo por proxectos (ABP)
Aprendizaxe cooperativa.
Potenciar a lectura (Plan Lector)
Mochilas viaxeiras (EP)
Encontros con escritores.
Centro integrado no PLAMBE plan de mellora das bibliotecas de centros escolares.
Club de lectura na ESO.
Participación en encontros científicos, Feira da Ciencia (A Coruña).
Visitas a museos e organizacións dentro da programación de cada curso (Rutas literarias).
Concertos de música, contacontos, teatro, concursos e exposicións.
Actividades e saídas á natureza.
Cursos e actividades de Educación Viaria (EP) impartidos por técnicos profesionais (PIT)
Cursos de natación (3º e 4º EP)
Matic, programa de innovación de matemáticas

03 RELACIÓN FAMILIA ESCOLA
Programa afectivo sexual 6º E.P.
Obradoiros coas familias nas etapas de E.I. e E.P. familia e escola están a traballar xuntas.
Titorías individualizadas coas familias.
Campañas solidarias (Operación quilo, Semana Solidaria, Día de Misións...)
Temos unha ANPA activa e moi comprometida co colexio. Con numerosas actividades para os seus socios.

A ANPA para a directiva actual é un modo de facer partícipes ás familias no colexio, ter uns vínculos entre as familias a través das distintas actividades que ofertamos ao longo do curso (actividades extraescolares, excursións, festas, charlas...) e que as relacións vaian máis aló de levar e recoller aos nosos fillos cada día.

Para a directiva da ANPA o Colexio significa moito na educación e aprendizaxe dos nosos fillos, varios dos membros somos exalumnos do Centro e xa no seu día a educación recibida serviunos para formarnos como persoas de ben.

Ao longo do ano temos varias celebracións, nas que tamén se implica a ANPA: Festa do Outono, Divino Maestro, Nadal, Día da Paz, Entroido, Letras Galegas, Festa Misioneira...o que a Dirección deste Centro agradece dun xeito especial.

Ademais destas festas desenvólvense no Centro distintas actividades co fin de achegar a escola ás familias.
Coaching familiar en  estreita colaboración co Instituto da Familia de Ourense (O arte de preguntar e de escoitar, xestionar emocións...)
En colaboración coa Policía Nacional, charlas–coloquio sobre diferentes temas de gran actualidade ( riscos en internet, acoso escolar, violencia doméstica...)

PLURILINGÜISMO UNHA APOSTA POLO FUTURO EDUCATIVO DOS NOSOS ALUMNOS
Mellora as funcións cognitivas, ao facilitar aos alumnos/as expresar as súas ideas de xeitos diferentes.
PROGRAMA BEDA

BILINGUAL ENGLISH DEVELOPMENT & ASSESSMENT
Mellora  a capacidade de retención memorística e de comprensión ao adquirir novos idiomas e memorizar caracteres.
Expande a visión dos alumnos sobre o mundo ao entender as diferentes culturas.
Mellores oportunidades académicas en comparación con aqueles outros alumnos con estudos monolingües.
Romper a barreira comunicativa ao ser quen de falar con novas persoas de calquera lugar do noso planeta.
Profesor nativo dende os tres anos ata 4º da ESO.
Inmersión lingüística co alumnado da ESO.
Francés na ESO.
Teatro en inglés.
DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN EDUCATIVA. UNHA EDUCACIÓN ADAPTADA AOS NOSOS TEMPOS.

Aula de Educación Especial.
Especialistas PT e AL en todas as etapas.
Reforzo e apio educativo.
Plan de acción titorial e PAD.

Orientación académica – profesional. Visita a Universidades, F.P., Fundación TIC, charlas e obradoiros coas familias.
Potenciación do Plan de Convivencia.
Seguimento e acompañamento titorial ao longo de todas as etapas de formación no Centro.

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES
Potenciación da competencia científica coas actividades de Obradoiro Científico e Robótica.
Escola de Idiomas (Inglés)
GDM (Grupos Divino Maestro) para o desenvolvemento integral do neno. Trabállanse os valores
AULA MATINAL
08 : 00 a 09 : 00 h
EDUCACIÓN INFANTIL
09 : 00 a 14 : 00 h
EDUCACIÓN PRIMARIA
09 : 00 a 14 : 00 h
EDUCACIÓN ESPECIAL
09 : 00 a 14 : 00 h
EDUCACIÓN SECUNDARIA
08 : 30 a 14 : 30 h
Luns 16 : 00 a 17 : 55 h

O Equipo Directivo ten un enorme interese en desempeñar a súa función baseándose na comunicación, a escoita e a colaboración. Buscamos ser e dar resposta aos desafíos que nos presentan os alumnos, a familia, a escola e, por extensión, a sociedade de hoxe, a do século XXI.

ASÍ NOS VEN ALGÚNS  MEMBROS QUE FORMARON PARTE DA COMUNIDADE EDUCATIVA COMO: EXALUMNOS, MEMBROS DA ANPA E MAESTRAS
PAULA SÁNCHEZ FLORES (EXALUMNA)
Formar parte da Familia do Divino Maestro é un verdadeiro luxo, pero poder escribir estas palabras cheas de tan boas lembranzas é unha gran responsabilidade. Non podería quedarme cun único recordo fermoso daqueles anos, pero oxalá poida transmitirvos coas miñas palabras a sinceridade coa que as escribo, e poidades sentirvos identificados/as nalgún momento con elas e quizá sacarvos un sorriso cheo de nostalxia.
Son unha alumna máis que cursou EXB no Divino Maestro desde o ano 1985 ata o ano 1994. E por que escribo isto? porque non se me ocorre unha forma mellor de agradecer o que supuxestes na miña vida profesores, compañeiras e Colexio.
Se teño que destacar algo é que non so saín cun bo “nivel académico”, iso era importante, por suposto, pero falar de bo colexio é falar daquelo que che deixa pegada como persoa:  compañeirismo, empatía, humildade, entrega, sinceridade ou profesionalidade.
Lembro con especial agarimo as Festas: O Nadal co Belén vivinte e no que todas tiñamos un lugar, o Entroido, a Canción Misioneira, o mes de maio coa ofrenda das flores á Virxe, O Día das Letras Galegas na que entre os aturuxos de  Marisol (a profesora de danzas) e Mª Teresa (a profe de Galego) cambiabamos a letra da canción da  “Rianxeira” pola que correspondía a biografía do autor homenaxeado o 17 de maio. E por suposto, lémbrome da Gran Festa do Colexio (“O Divino Maestro”, o 12 de novembro)  onde nunca faltaba o boliño de leite coas onzas de chocolate (sempre acompañado do noso Himno Colexial).
Creo que isto que escribo non sería completo sen agradecer a todas e cada unha das profesoras que tiven. Quero darvos as grazas por  proporcionarnos o marco de convivencia no que desenvolver unha etapa tan importante das nosas vidas, por educarnos nos Dereitos Humanos, a solidariedade e axudarnos a medrar como persoas. Por suposto, grazas pola formación académica que contribuíu a formar en nós un pensamento crítico  e  por seguir a vosa labor con tantas e tantas xeracións: Mari Paz, Rosa Barrio, Rosa Otero, a Irmá Flores, a irmá Carmen Lago, Visitación (nunca esquecerei os longuísimos ditados polos que grazas  a iso nunca tiven unha falta de ortografía) e como non falar de Mª Teresa Rodríguez Pol, se penso no Colexio, é imposible que non apareza nos meus recordos máis bonitos, foi para nós o noso referente. Mentiría si non dixese que con ela aprendemos a entrega e o amor “polas cousas ben feitas”, o compañeirismo, e sobre todo aprendemos a que todo esforzo ten a súa recompensa. Grazas por darme a oportunidade de participar no concurso da “Liga de Papel”, que convocaba El Progreso (Agora tan de moda o traballo por Proxectos na Aula). Un verdadeiro proxecto de hai 19 anos, incrible non?). Graciñas por crer en min cando decidín dedicarme á profesión máis bonita do mundo: ser matrona. Acompañar ás mulleres no día máis importante das súas vidas.  “Ti podes facer todo o que te propoñas”, dicíame ela.  Graciñas por ensinarme daquela os valores necesarios para ser unha profesional competente e comprometida coa sociedade de hoxe.
E como estamos de aniversario, vou a rematar con parte dunha canción que marcou o noso paso polo Colexio: o Himno do Divino Maestro  que tantas veces cantamos:... ¡Alumnos, Padres, Profesores unidos,  el Divino Maestro lo ha logrado!” Para que celebremos moitos máis xuntos…. Moitísimas felicidades!!!!

YOLANDA CARREGAL GONZÁLEZ
Escribo estas palabras como ex - membro da ANPA do Colexio Divino Maestro durante os anos que a miña filla estudou a ESO.
Dende que entrou no colexio con 3 aniños tiven claro a importancia de colaborar coa ANPA. Pasei a formar parte o segundo ano da directiva para intentar colaborar máis de cerca.
Sentinme acollida tanto por parte da ANPA como da comunidade educativa. Traballamos xuntos en moitos proxectos, como participar no Arde Lucus en representación do colexio, nas Festas Misioneiras , colaborabamos nas actividades educativas do centro,co alumnado da ESO nas súas viaxes de fin de curso, etc.
Formou parte importante do noso proxecto as actividades deportivas, ofertando diversidade, dende fútbol, baloncesto, tenis, predeporte;  xadrez, outras artísticas como pintura creativa, arxila polimérica. Procurabamos ofertar o maior número posible de actividades para que os pais puidesen conciliar co traballo. Os nenos disfrutaban, facían deporte cos seus compañeiros de clase sen ter que desprazarse seus pais todas as tardes para levalos a actividades extraescolares fóra do colexio.
Pero todo isto non sería posible sen a colaboración tan directa co profesorado que nos apoiaron sempre e por suposto das familias do D. Maestro, sempre dispostas a botarnos unha man e participar en todos os proxectos que xurdiron.

Mª TERESA RODRÍGUEZ POL (Maestra xubilada)
Ao rematar maxisterio, aló polo curso 1977-78, comecei a miña andaina como mestra: a “Anexa Feminina”, o Colexio do Incio, o Colexio de Paradela, a escola unitaria de Teixeira de Caurel. Chega de novo o mes de setembro e tocaba pedir destino, mais este saíume ao camiño, chámeme a Irmá Carmen Troncoso, Directora do C. Divino Maestro, e faime a proposta de nomearme para unha unidade de nova creación; era algo que non o podía crer, pero era real!!! E aquí comeza a miña andaina no  Divino Maestro; ata que me dan o meu destino definitivo no Colexio de Alfoz. Foi só un curso, porque ao seguinte reclámanme de novo para volver a retomar o meu longo camiñar de máis de tres décadas no “Divino Maestro”, aquí creo que todos coñecedes ben o traballo feito e a gran sementeira en tantas xeracións.
Agora tócame dicir GRACIÑAS: As Misioneiras do Divino Maestro, por vivir xuntas o Carisma de Francisco e Soledad; a tantos compañeiros que partiron á Casa do Pai, aos que camiñamos xuntos estes últimos cursos (e xuntos fomos: Equipo, Familia, Claustro…); a tantos nenos e nenas que formaron parte da miña vida, aos papás cos que tiven sempre unha gran proximidade e apoio no labor educativo…, graciñas a todos.

Chegamos ao final do curso, é tamén o momento de agradecerlle a Xesús, Divino Maestro, o feito de sentir o pracer de ensinar nesta escola ao longo de tanto tempo. Foi para min unha verdadeira gozada ser mestra entre todos vós. Quedan atrás moitas horas dedicadas a: programacións, reunións, preparacións de clases, formación continua, corrección de exames, contacto cos pais e sobre todo moitas horas dedicadas ás clases cos nenos, ao cole…que o levo moi dentro.
Que sigamos sendo entre todos A GRAN FAMILIA DO DIVINO MAESTRO!!
Ao longo destes anos gocei na escola e vivín para a escola, sempre me sentirei “MAESTRA”.

Ao rematar o curso 2013-14 digo adeus á miña vida profesional como funcionaria do cole, son a penúltima que se xubila como tal no Centro.

Ata sempre amigos, verédesme moitas veces polo cole, segue sendo a miña segunda casa. Quérovos a todos e lévovos para sempre no meu corazón!.


OLGA FERNÁNDEZ LOPEZ (Maestra de Infantil xubilada)

O meu primeiro contacto coas RR.Misioneiras do Divino Maestro foi como alumna no colexio situado na rúa Monforte, alí recibín a formación necesaria para o exame de ingreso ao Instituto Feminino de Lugo. Aprobado o exame pasei a realizar os meus estudos no instituto, pero sen desvincularme nunca do que fora o meu colexio, onde ía con outras compañeiras con frecuencia os fins de semana e tamén acudía para resolver as dúbidas que se me presentaban nos meus estudos...

Ao rematar maxisterio a  finais do curso 1 969-70 propuxéronme unha interinidade para substituír a unha relixiosa de baixa por enfermidade, aceptei encantada, isto supoñía gañar algo e á vez ter a posibilidade de preparar a oposición.

Aprobada a oposición, tiven a miña primeira escola como propietaria provisional no Páramo, e máis tarde como propietaria definitiva: Friolfe (Páramo), Casares (As Nogais), San Martín (Neira de Rei), Baralla e Begonte.
Estando no colexio de Begonte propóñenme volver de novo ao “meu colexio”, en realidade nunca me marchara de todo, porque a el volvía con frecuencia como profe novata en busca de axuda sempre que o precisaba, xa que nas relixiosas maestras sempre atopei a acollida e axuda necesaria.

Comecei a traballar moi feliz con profesoras relixiosas e segrares, tratando de imitar a aquelas maestras que eu tiña como referencia pola súa dedicación e entrega.

Máis tarde cando o colexio pasou de público a concertado, aos profesores/as funcionarios/as ofrecéusenos a posibilidade de continuar no colexio ou ir ao noso posto no ensino público; algunhas optamos por quedarnos, eu fun unha delas. Ao contar o colexio cunha funcionaria en Educación Infantil supuxo que a educación de tres a catro anos fose totalmente gratuíta, algo que non ocorría no  resto dos colexios concertados.

No meu traballo como maestra de Infantil non notei ningunha diferenza, seguía coa miña rutina de entrega aos máis cativos e ao colexio, cos mesmos dereitos e deberes que tivera ata daquela e que non eran diferentes dos do resto do persoal docente e así foi ata que chegou o día da miña xubilación oficial, que nunca foi un adeus ao cole, porque desde que coñecín ás RR Misioneiras do Divino Maestro, sempre foi a miña segunda casa; e na súa casa un sempre é ben recibido, sempre hai un oco para el e as portas sempre están abertas.

Coa miña xubilación, en xuño de 2016, pechouse no cole de Lugo unha etapa, fun a última funcionaria en exercicio do Centro!!!!!

Só me queda dicir: Graciñas, Señor, polo meu cole ao que lle debo gran parte do que fun e son!!!!


















Estas foron as últimas maestras funcionarias do noso colexio.